Quen somos?

O 112 é:

Número Único de Emerxencias Europeo: Urxencias e emerxencias en materia sanitaria, extinción de incendios e salvamento, seguridade cidadá e protección civil

Permanente: Dispoñible 24 horas ao día 365 días ao ano

Servizo integral:  Atende calquera demanda de urxencia e emerxencia informando das actuacións a todos os organismos que interveñen na resolución das mesmas para conseguir unha resposta coordinada.

Gratuíto: Sen custo algún para o usuario.

MOITO MÁIS QUE UN NÚMERO

O número 112, como número único de emerxencias, foi creado por Decisión do Consello das Comunidades Europeas o 29 de xullo de 1991, e solicitado aos estados membros. A Decisión concrétase pola Directiva 98/10/CE do Parlamento Europeo e do Consello do 26 de febreiro sobre a oferta de rede aberta (ONP) á telefonía vocal e sobre o servizo universal de telecomunicacións nunha contorna competitiva.

O número «112» introduciríase nas redes telefónicas públicas como número único europeo de chamada de urxencia; que os usuarios poderían utilizar os números de urxencia e, en particular, o número único europeo de urxencia «112» gratuitamente desde calquera teléfono, incluídos os teléfonos públicos de pago, sen necesidade de utilizar moedas ou cartóns.

A Directiva 1998 deixou de estar en vigor dando paso á Directiva marco 2001/21/CE relativa ao establecemento dun marco regulador común das redes e servizos de comunicacións electrónicas, e á Directiva de servizo universal 2002/22/CE relativa ao servizo universal e dereitos dos usuarios en relación coas redes e servizos de comunicacións electrónicas.