Presentación

Coidar do futuro é un imperativo na sociedade do século XXI, caracterizada polo dinamismo derivado dos avances tecnolóxicos, da comunicación e da investigación.

O progreso incentiva a creación de novos valores e o impulso de cambios sociais esperanzadores, pero que, ao mesmo tempo, dan lugar a novas formas de risco e perigo que cómpre atallar.

O carácter das emerxencias –sempre impredicible– obríganos a definir e identificar a potencialidade do risco e a deseñar principios de acción que maximicen as probabilidades de éxito sobre a frustración. Precisamente o coidado e a anticipación son valores que contribúen a crear os escenarios máis confortables posibles.

Dende a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza apostamos pola constante mellora da coordinación dos organismos implicados na xestión das emerxencias e pola decidida modernización dos seus recursos na procura da eficacia dos servizos públicos. Para iso puxemos en marcha innovadores sistemas informatizados con que reducir os tempos de resposta e xestión das urxencias, así como protocolos de filtraxe daquelas chamadas que poidan supoñer a retracción das nosas capacidades de activación. A todo isto temos que lle sumar as campañas de información e sensibilización que axudan á cidadanía a incrementar a súa capacidade de autoprotección e a identificar mellor a finalidade deste servizo.

A carta de servizos auditada para o Centro de Atención de Emerxencias nace co obxectivo principal de incrementar a satisfacción da cidadanía a través da avaliación constante dos servizos prestados. Ademais, fortalece a orientación da Administración pública galega na dirección dun modelo de Administración comprometida, que recoñece o papel activo da sociedade na participación do seu deseño e permite, mellorando a calidade, garantir a progresión desexada da eficacia dos servizos públicos galegos.

Cremos, por tanto, que esta nova ferramenta de traballo favorece a evolución permanente en perfecta consonancia coas necesidades e exixencias da cidadanía.

Alfonso Rueda Valenzuela.
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
Presidente da Axencia Galega de Emerxencias

Documentos relacionados

Carta de servizos (pdf)