Funcións da Axencia Galega de Emerxencias

Según o artigo 18 da Lei 5/2007 do 7 de maio de Emerxencias de Galicia, correspóndelle á Axencia Galega de Emerxencias:
  • Xestionar o Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia e prestar materialmente a asistencia requirida polos cidadáns e polas cidadás a través del, ou dar traslado, segundo se estableza regulamentariamente, daquelas que lles corresponda atender a outros organismos competentes na materia.
  • Xestionar os helicópteros de emerxencias do 112 e todos os outros medios e recursos operativos que se poidan incorporar á axencia.
  • Analizar os riscos e mais identificalos e localizalos no territorio co fin de elaborar o mapa e o catálogo de riscos de Galicia, así como os catálogos de medios e recursos e o catálogo de servizos.
  • Desenvolver programas en materia de protección civil e xestión de riscos e de emerxencias consonte as directrices emanadas da Xunta de Galicia e establecer os medios para fomentar actuacións que contribúan á prevención de riscos, á atenuación dos seus efectos e, en xeral, á toma de conciencia e sensibilización dos cidadáns da importancia de protección civil.
  • Levar a cabo os estudos necesarios para a elaboración do Plan territorial de protección civil de Galicia, dos plans especiais e das liñas directrices para a elaboración dos plans territoriais que correspondan.
  • Avaliar e cualificar o risco cando lle sexa comunicada unha situación de emerxencia das que poden dar lugar á activación dun plan público de protección civil.
  • Pór á disposición dos órganos competentes da Xunta de Galicia os medios á súa disposición para a xestión das emerxencias de interese galego baixo a superior dirección da persoa titular da presidencia da Xunta ou da persoa titular da consellaría na que esta delegue e mais daqueloutras emerxencias que os plans especiais ou territoriais determinen.
  • Estudar as actuacións necesarias para o restablecemento dos servizos esenciais para a comunidade e a restauración, a rehabilitación e o retorno á normalidade nos casos de catástrofe ou calamidade.
  • Fomentar, en colaboración coa consellaría competente en materia de voluntariado, a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns ás actividades de protección civil.
  • As demais funcións que no ámbito da protección civil e da xestión de emerxencias se determinen no seu estatuto.