Boletín Informativo das 19:00 horas do día 19/06/17

luns, 19 Xuño, 2017 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Tres persoas feridas nunha colisión en Frades

Unha colisión entre dous vehículos rexistrada esta tarde en Frades sáldase con tres persoas feridas.

O sinistro aconteceu na zona de Vimieiro, na estrada que vai de Abellá a Papucín.

O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente ás 14:45 horas, a través dunha alerta de Urxencias Médicas.

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertou decontado á Garda Civil de Tráfico.

Accidente en Porto do Son
Ademais, un motorista resultou ferido esta tarde despois de que a moto na que circulaba batese contra un autobús.

O accidente produciuse na estrada que conecta Porto do Son con Portosín, á altura do Alto de Olveira.

Urxencias Médicas informou do sinistro ao 112 Galicia ás 18:20 horas desta tarde. Os efectivos sanitarios indicaron que o motorista permanecía consciente. Dende o CAE 112 alertouse aos Bombeiros de Ribeira, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

 

Trasladado en helicóptero un home ao que lle caeu unha árbore enriba

Un home resultou ferido esta tarde nas Pontes de García Rodríguez despois de que lle caera enriba unha árbore. A vítima foi evacuada nun helicóptero ao Complexo Hospitario Universitario da Coruña.

Os feitos tiveron lugar en Tras da Serra, na parroquia do Freixo.

O 112 Galicia recibía unha alerta de Urxencias Médicas ás 17:55 horas desta tarde. Os efectivos sanitarios informaron de que estaban a mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Santiago.

Pola súa banda, dende o Centro de Atención ás Emerxencias alertouse a Protección Civil e á Garda Civil.

 

Unha persoa ferida ao caer dun tellado no Corgo

Unha persoa resultou ferida hoxe no Corgo tras caer do tellado da súa casa. Segundo se lle indicou ao 112,  a vítima estaba realizando unhas melloras cando se precipitou ao chan. Quedou descartado que se tratase dun accidente laboral.

Os feitos producíronse nunha propiedade do Souto, na parroquia de Marei.

Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia ás 12:45 horas de hoxe para dar a voz de alarma. Acto seguido, dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse a Urxencias Médicas e á Garda Civil.

 

Rescatan un piragüista en apuros no río Sil

Unha embarcación particular rescatou esta tarde un piragüista no río Sil. O deportista caeu á auga cando navegaba pola zona de Santa Cristina, en Nogueira de Ramuín.

Unha empregada do servizo de catamaráns do río chamou ao 112 Galicia ás 14:20 horas desta tarde para indicar que un home acababa de caer á auga. Segundo engadiu, non era quen de subir á súa piragua.

Con estes datos, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertou ao GES do Pereiro de Aguiar, a Protección Civil e á Garda Civil.

Tras o rescate, o deportista non precisou asistencia sanitaria.

 

Arde un coche en Monforte de Lemos

Un incendio calcinou por completo un vehículo, en Monforte de Lemos. Aconteceu na estrada que une Distriz con Piñeira.

O 112 Galicia tivo coñecemento da situación ás 14:45 horas desta tarde. Segundo os datos facilitados, na contorna do coche non había ninguén no momento do incendio.

Os efectivos da central de emerxencias do 112 informaron do lume aos Bombeiros de Monforte, a Protección Civil e á Policía Local.