Boletín Informativo das 13:00 horas do día 25/09/17

luns, 25 Setembro, 2017 - 13:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Falece un camioneiro tras saírse da vía en Pol

Un camioneiro faleceu esta mañá despois de saírse da vía co camión que conducía  á altura do concello lucense de Pol. No momento de producirse o accidente, sobre as 10:30 horas, o camión circulaba pola estrada de Torneiros, a  N-640. Foi a esa hora cando persoal do 061 informaba ao 112 Galicia da saída de vía dun camión e co seu condutor atrapado no interior do vehículo. 

Decontado, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE) pasouse aviso aos Bombeiros de Vilaba. Ademais, solicitouse a intervención dos axentes de Tráfico, do GES da Pontenova e de Protección Civil das localidades de Meira e Pol.

Nada mais chegar ao punto, os Bombeiros confirmaron o falecemento da persoa que precisou ser excarcerada.

 

Unha saída de vía sáldase cun ferido en Dena (Pontevedra)

Unha persoa resultou ferida hoxe na localidade de Meaño tras saírse da vía. O accidente ocorreu moi preto do centro de saúde de Dena, no lugar de Coirón,  dirección Cambados, á altura do punto quilométrico 8 da PO-550. Foi un particular quen, ao fío das 10:00 horas, alertou ao CIAE. Segundo indicou, o turismo ao saírse da vía chocou contra un poste de cemento que, ademais, caeu enriba do turismo. Por iso, foi precisa a intervención do persoal de mantemento da estrada e o da compañía subministradora da electricidade, ao quedar afectado o alumeado público.  

Dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 nada mais recibir o aviso do alertante, informouse  ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico,  GES de Sanxenxo e aos Bombeiros do Salnés.

Debido aos danos ocasionados, a circulación tamén se viu afectada en dita vía.