Boletín informativo das 13:00 horas do día 18/06/17

domingo, 18 Xuño, 2017 - 13:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Aparece aboiando o corpo dunha persoa en Illa de Arousa

O corpo dunha persoa foi atopado esta mañá flotando na praia de Sucabirto, en Illa de Arousa. O 112 Galicia tiña constancia do ocorrido a través dun particular ás 10:15 horas. Indicaba no seu relato que o cadáver estaba preto da beira, boca abaixo e enganchado á boia dunha embarcación.

Decontado, o persoal do CAE 112 Galicia pasaba o aviso á Garda Civil e ao Servizo de Gardacostas. Tamén, dende o 112 Galicia informouse a Urxencias Médicas e a Salvamento Marítimo.

O corpo foi trasladado pola embarcación Sargadelos ao porto de Xufre, onde foi identificado polos familiares.

 

Trasladadas dúas persoas despois dunha saída de vía en Becerreá

Dúas persoas foron trasladadas a un centro hospitalario despois de que o vehículo no que viaxaban rematase fóra da vía en Becerreá. O accidente ocorreu na LUP-0708, concretamente no punto quilométrico 1,300.

O 112 Galicia recibía a alerta do sinistro pasados uns minutos das 10:25 horas.

Nese momento, dende o CAE 112 Galicia poñíase a situación en coñecemento de Urxencias Médicas, Garda Civil de Tráfico, GES de Becerreá e Protección Civil.