Boletín Informativo das 09:00 horas do día 25/09/17

luns, 25 Setembro, 2017 - 09:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Seis feridos despois de colidir dous turismos en Monforte

Un total de seis persoas resultaron feridas onte despois de colidir frontalmente dous vehículos en Monforte de Lemos.  Ao fío das 19:00 horas da tarde pasada, os servizos sanitarios de urxencia informaban ao 112 Galicia dun choque con feridos en Ribas Altas, á altura do punto quilométrico 54.200 da LU-546.

Tras recibir o aviso, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 (CIAE), decontado informou aos axentes de Tráfico, da Policía Local e aos Bombeiros de Monforte. Tamén, solicitouse a colaboración dos membros de Protección Civil e a do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargou da limpeza da vía.

Unha vez no punto, os membros do parque comarcal confirmaron que ningún dos feridos quedara atrapado no interior dos turismos, polo que non foi precisa a excarceración, iso si, axudaron ao persoal sanitario na evacuación dos feridos.

Motorista ferido
Un motorista resultou ferido esta mañá en Vigo tras caer da moto que conducía á altura do número 99 da Rúa Sanjurjo Badía.  Faltaban dez minutos para as 07:00 horas, cando varias testemuñas poñían os feitos en coñecemento do CIAE. Segundo se lle indicou ao  112 Galicia, tratouse dun accidente entre un coche e unha moto.

Nada mais recibir o aviso, o 112 Galicia alertou ao  061-Urxencias Sanitarias. Tamén informou á Policía Local, Protección Civil e aos Bombeiros da cidade.

 

Un incendio calcina unha nave abandonada en Vilagarcía

Os Bombeiros apagaron un lume nunha nave abandonada en Vilagarcía. Sobre as 18:30 horas tamén deste domingo, o CIAE foi alertado un incendio nunha fábrica situada na Rúa de Castriño. O alertante que chamou ao 112 Galicia, aseguraba que se trataba dunha nave sen actividade.

A partir de aí, o CIAE pasou aviso aos Bombeiros de Vilagarcía e informou á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil.

Pasadas as 19:15 horas, os Bombeiros comunicaban ao 112 Galicia a total extinción do lume. Indicaron que arderon uns colchóns e maleza no interior da construción. Ademais, a estrutura –de madeira- e o tellado da nave tamén se viron afectados.