Boletín Informativo das 09:00 horas do día 20/10/17

venres, 20 Outubro, 2017 - 09:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Falece o condutor dun turismo tras chocar contra un camión en Abegondo

Un home faleceu tras colidir o vehículo que conducía contra un camión ao paso da localidade coruñesa de Abegondo, concretamente, na AC-542. Tras o impacto, o condutor quedou atrapado no interior do vehículo. Foron os Bombeiros de Betanzos  os que, tras ser alertados polo 112 Galicia, nada mais chegar ao punto liberaron ao condutor xa falecido.

Ao fío das 20:30 horas da noite pasada, varios particulares solicitaban axuda urxente ao 112 Galicia. Indicaban que se acababa de producir un accidente grave moi preto do concello de Abegondo. Engadían, ademais, que mor por do impacto a estrada estaba totalmente cortada ao tráfico.

A partir de aí, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE) pasouse axiña aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros. Tamén, solicitouse a colaboración dos membros de Protección Civil da localidade.

Aínda que, unha ambulancia se desprazou ao lugar dos feitos, os profesionais sanitarios só puideron certificar o falecemento da persoa.

 

Tres colisións múltiples sáldanse con cinco persoas feridas en Pontevedra, Vilagarcía e Mos

Un total de cinco persoas resultaron feridas nas últimas horas de onte despois de producirse tres accidentes múltiples  nas  estradas pontevedresas.

O primeiro accidente tivo lugar na cidade de Pontevedra. Ás 20:45 horas, un particular informaba ao 112 Galicia dun choque entre tres turismos, á altura do número 14 da Rúa José Malvar Figueroa. Aseguraba que, aínda que non parecía revestir gravidade, unha persoa resultara ferida. Por iso, o persoal do CIAE requiriu a intervención do persoal sanitario e informou á Policía Local, aos Bombeiros da cidade e aos efectivos de Protección Civil.

Dous feridos en Vilagarcía
En Vilagarcía, outros tres coches colidían cando circulaban ao paso da rotonda de San Simón (N-640) e tamén outras dúas persoas resultaron feridas. Tras recibir á alerta da varios particulares, sobre as 22:30 horas deste xoves, o CIAE requiriu, decontado, a intervención do persoal sanitario e a dos axentes de Tráfico. Tamén, os Bombeiros do Salnés, os efectivos de Protección Civil de Vilagarcía e o persoal do servizo de mantemento da estrada, foron informados do accidente polo 112 Galicia.

Colisión múltiple en Mos
Outro accidente múltiple, tamén con tres coches implicados, deixou outras dúas persoas feridas. Neste caso, os coches circulaban pola A-55, á altura do punto quilométrico 7, dirección Porriño. O 112 Galicia tivo constancia do suceso ás 22:15 horas da noite pasada, grazas a un particular que chamou para solicitar asistencia sanitaria para unha persoa. Decontado, dende o CIAE pasouse aviso ao 061-Urxencias Sanitarias e á Garda Civil de Tráfico. Do mesmo xeito informouse aos Bombeiros de Baixo Miño e aos efectivos do Servizo de Emerxencias Municipal que confirmaron o traslado de dous feridos ao Hospital Fátima de Vigo.

 

Arden dous vestiarios no interior dunha nave en Bergondo

Un incendio nunha nave situada no Polígono Industrial de Bergondo mobilizou onte aos servizos de emerxencia. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais nin ambientais. Así o indicaron os Bombeiros de Betanzos que se desprazaron ao lugar nada mais ser alertados polo 112 Galicia.

Foi un particular quen, sobre as 18:30 horas da tarde pasada poñía en alerta ao 112 Galicia. Indicaba que, unha nave de análises de formigón, estaba ardendo no Polígono Industrial.

De inmediato, o CIAE alertou aos Bombeiros de Betanzos e ao Servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Así mesmo, informou á Garda Civil, Policía Local e a Protección Civil que, tras chegar ao punto, aseguraron que non había verquido algún. O persoal sanitario do 061 tamén foi alertado por si nalgún momento fose precisa a súa intervención.

Ao redor das 20:00 horas, os Bombeiros confirmaron a extinción do lume. Arderon dous vestiarios do interior da nave, posiblemente, unha avaría nunha neveira situada nun dos vestiarios, foi a causa do incendio. Unha vez extinguido o incendio, procederon a ventilar a zona e daban así, por finalizada a súa intervención.