Boletín Informativo das 09:00 horas do día 19/06/17

luns, 19 Xuño, 2017 - 09:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un home falece na Coruña tras producirse un escape de gas na súa vivenda

Un varón de avanzada idade faleceu onte na súa vivenda a causa dun escape de gas producido posiblemente, por unha bombona. Ao fío das 21:00 horas de onte, un particular alertaba dun cheiro a gas no enderezo deste home, na Rúa Antonio Ríos, na cidade da Coruña. O alertante indicaba ao persoal do 112 Galicia que chamaban á porta pero que non abría ninguén.  Así, de inmediato, dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 pasouse aviso aos Bombeiros da cidade, Urxencias Médicas e aos axentes da Policía Local que, decontado, se achegaron ao punto.

Nada mais chegar, os Bombeiros atopáronse  co cadáver da persoa.  Os servizos sanitarios certificaron o falecemento do varón, sen coñecer polo momento as causas.  

 

Dous feridos en Caldas tras colidir un coche e unha moto

Dúas persoas resultaron feridas en Caldas tras colidir un coche e unha moto que circulaban  pola PO-305, no cruce de Saiar. Os dous feridos foron trasladados polo persoal sanitario ao Hospital do Salnés.

Sobre as 19:30 horas deste Domingo, un particular informaba do accidente ao 112 Galicia que, de inmediato, puxo en alerta aos servizos sanitarios de urxencia. Ademais, o persoal do CAE 112 Galicia solicitou a colaboración dos axentes de Tráfico e informou aos Bombeiros do Salnés e aos efectivos do GES de Valga e de Protección Civil da localidade. Tamén se requiriu a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada.

Dous feridos en Cambre
Por outra banda, case á mesma hora, outras dúas persoas resultaban feridas ao caer da moto na que viaxaban. O accidente ocorreu á altura do número 11 da Rúa Castellana, en Cambre. Neste caso, foron os mesmos técnicos sanitarios quen informaron do suceso ao 112 Galicia. Ata o lugar desprazáronse os axentes da Policía Local e os efectivos de Protección Civil. Os Bombeiros de Arteixo tamén foron alertados polo persoal do 112 Galicia.