Boletín informativo das 09:00 horas do día 18/06/17

domingo, 18 Xuño, 2017 - 09:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un peón resulta ferido nun choque múltiple en Lugo

Unha colisión entre tres vehículos saldouse cun peón ferido onte en Lugo. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o causante do accidente intentou marchar despois do sinistro, chocou contra un coche estacionado e atropelou a un viandante.  

Os feitos tiveron lugar no Barrio da Ponte. O 112 Galicia recibía a alerta a través dun particular ás 20:50 horas. Indicaba que o peón tiña un golpe nunha perna.

Nese momento, dende o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasábase o aviso a Urxencias Médicas, Policía Local, Protección Civil e Bombeiros da cidade.

 

Arde a adega dunha casa en Ferrol

Un incendio declarado nunha adega situada ao lado dunha vivenda en Ferrol provocou onte danos materiais no seu interior. A bodega estaba dividida en dúas estancias e ardeu unha delas por completo. Ninguén resultou ferido.

Os feitos ocorreron na parroquia de Mandiá, no lugar de Bustelo. Un particular alertaba ao 112 Galicia pasados uns minutos das 22:35 horas.

Decontado, o persoal do 112 Galicia requiriu a intervención dos Bombeiros de Ferrol, Policía Nacional e Protección Civil.